|
A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Consellería de Cultura e Turismo, a asociación galega Clubtura e a d’Orfeu Associação Cultural colaboran por segundo ano consecutivo na organización do programa de intercambio musical entre a Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) e o circuíto portugués OuTonalidades, no marco do que 11 grupos galegos de diferentes estilos (blues, jazz, folk fusion, rock, etc.) actuarán en Portugal e 6 bandas portuguesas tocarán en Galicia.
A programación, que ofrecerá un total de 47 concertos en 20 localidades galegas e portuguesas até finais de decembro. Grazas ao circuíto RGMV & OuTonalidades, os grupos galegos Aló Django, Banda Potemkin, Bukowski Blues Trío, Carmen Dor, Coanhadeira, De Outra Margem, Lamatumbá, Modulok Trío, Portrait, Som do Galpom e Son+D2 protagonizarán un total de 25 actuacións no país veciño, mentres que os portugueses Comcordas, Olivetree, Samasati, Sofia Ribeiro, Taberna Revisitada e Uxu Kalhus realizarán 22 recitais en Galicia.
Tanto en Galicia como en Portugal, o calendario de actuacións dá comezo este venres 25 de setembro. O programa portugués percorrerá 11 dos locais que durante o próximo outono acollerán a décimo terceira edición de OuTonalidades, circuíto musical que promove a asociación d’Orfeu no país veciño. O ciclo principiará este venres coa presentación de Som de Galpom na Casa da Juventude de Amarante e continuará até o 19 de decembro, visitando tamén Águeda (Espaço d’Orfeu), Aveiro (Mercado Negro), Chaves (Sala Multiusos), Estarreja (Bar do Cine-Teatro), Évora (Espaço Celeiros), Fundão (Casa da Moagem), Ovar (Café-Concerto do Centro de Arte), Porto (Contagiarte), Tondela (Bar do Novo Ciclo Acert) e Torres Novas (Café Teatro Virginia).
En Galicia, a programación inaugurarase igualmente o 25 de setembro cun concerto da banda portuguesa Taberna Revisitada na sala Aturuxo de Bueu. O cartel estenderase até o 5 de decembro por outros 9 espazos da Rede Galega de Música ao Vivo, que a AGADIC promove en colaboración coa asociación Clubtura: Jazz Vides da Coruña, Pub D’Antón Rock Café da Laracha, Café-Cultural Roi Xordo de Allariz, Sala Run Rum de Ferrol, o Náutico do Grove, Clavicémbalo de Lugo, Pub Gatos de Melide e Auriense Café Cultural de Ourense.
|